11.11.10

MAGOSTO 2010

Hoxe celebramos o MAGOSTO no cole. Foi un día moi completo e divertido para tod@s. Pola mañá empezamos cos xogos populares e aquí hai que darlle a noraboa aos profes de Educación Física que organizaron tan ben todos os xogos. Estivo xenial facer grupos onde os maiores axudaran e levaran aos máis pequenos, que todos os grupos pasaran por todas as probas,... 

Logo dun descansiño para comer e coller folgos veu a tarde. Baixamos cos nosos envases preparados para comer as castañas e o zume. A ANPA colaborou e trouxonos unhas castañas deliciossssasss. Non vos minto! Só tedes que fixarvos nas nosas caras...


Ah! Pero aquí non rematou todo. A profe Chelo repartiu os premios para os participantes nas comidas de medo!!! Cando penso en todas aquelas comidas cun aspecto tan terrorífico e que ben sabían... Desde logo! Grazas aos papás e mamás por participar. Sen vos non sería posible pasar un samaín e un magosto tan festivo e rico, rico.



O PROGRAMA BOCABERTA CHEGA A CARBALLO

É unha oportunidade única para asistir a un concerto ou  a un obradoiro. O lugar será o pazo da cultura e teremos que recoller as invitacións previamente. Animádevos porque me dixo un paxariño que ía haber agasallos!!! Mirade ben a data que xa está chegando o día. !!! No cole os vos@s profes daranvos máis nformación



En clave de conto

En clave de conto mestura música, literatura e ilustración para educar a ollada e o oído a través de propostas innovadoras e transmitir o amor pola música e a nosa lingua. 


Por unha banda, os obradoiros Eu falo así parten da canción “Cri-cri”, do disco A nena e o grilo, para identificar as distintas linguas nas que se canta o tema (inglés, francés, portugués, castelán, éuscaro...) e o seu idioma principal, o galego. 

Por outro lado, músicos, cantantes e actores de recoñecido prestixio participan no concerto-espectáculo A nena e o grilo, que amosa como a trama argumental dun conto pode ser representada e enriquecida desde o plano sonoro e lingüístico. 

Dirixido a escolares de infantil e primaria e público xeral, cada asistente será agasallado cun exemplar do libro-CD que inspira as actividades.
Dos 5 aos 8 anos.

 Outra das obras coa que se traballará será O EMBIGO DE XANECAS que  conta a historia  de Xanecas. Este tiña catro anos, e coma todos os nenos a esa idade, era moi curioso. O que máis lle gustaba no mundo era explorar, e case cada día facía un descubrimento novo.
A  historia saída da imaxinación de Ramón Aragüés  comeza un día á hora do baño.
Seu pai refregáballe as orellas, os xeonllos, os cóbados e os pés. Para apurar máis, Xanecas fregábase co xabón. De repente, afundíuselle o dedo. Que pasara? Que metera o dedo no embigo! Desta maneira o noso protagonista descubriu que tiña un burato na barriga, pero tan intrigado quedou que desde aquela sempre estaba a preguntar: Pero, por que teño embigo?
E é que Xanecas está a experimentar unha das etapas infantís máis divertidas: a das preguntas. Durante este período, os pequenos queren saber o porqué de todo o que os rodea, e coma neste caso, acoden a aqueles que teñen máis cerca: a papá, á irmá máis vella, ao avó, a mamá…
Cada un dos membros desta particular familia, aproveitándose da inocencia do pequeno, irá inventando unha trola acerca da orixe do embigo, ata que finalmente a nai lle desvele a verdadeira razón da súa existencia, e de paso un dos grandes misterios da vida.

Colaboran a editorial OKO,  a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello de Carballo.